COA CONFIANZA QUE DÁ TER A RAZÓN…

Xa temos sentenzas; Lingua Precaria invítavos a escoitar a quen foi de vangarda, a primeira compañeira que enfrontou o que nos queda por afrontar. María, grazas por superar a timidez e compartilo connosco.

Cando souben que comezaban os xuízos polos celga no mes de xuño deste ano, púxenme contenta; a cousa ía máis rápido do que pensaba, e iamos ter as primeiras experiencias e sentenzas. Mais eses xuízos fóronse adiando, por non haber resolución no caso de Pontevedra ou por outros motivos. Co cal, pasei a ser eu a primeira o 26 de xuño; logo de min, o mesmo día, foron dous compañeiros máis.

Ao saber que era a primeira o nerviosismo foi en aumento, xa se sabe que a experiencia é un grao, e coñecer a estratexia dos avogados da Xunta podía axudarnos neste sentido, pero eu ía sen rede nese eido, mais alguén tiña que ser a primeira e tocoume. Logo cavilei que xa que a avogada dicía que o meu era un dos casos máis claros (este sería o meu décimo ano impartindo cursos), sen renuncias por outros traballos (non sei se por sorte ou por desgraza) e con só un curso de Linguaxes específicas polo medio; se era así e a miña sentenza era favorable, isto sería unha vantaxe para os demais.

Pois ben, leda, pero nerviosa. Coa confianza que dá ter a razón e á vez a desconfianza por ese cheiro que teñen moitas das nosas institucións, chegou o día do xuízo. Os nervios calmáronse un pouco grazas ao apoio dos compañeiros e compañeiras que se achegaron por alí e que o expresaron tamén por medio das novas tecnoloxías.

Mentres falabamos do que podía acontecer cun café antes da vista, sentín algo de alivio cando a avogada me dixo que non ía falar, porque só podería facelo no caso de preguntarme o avogado contrario. Logo, dentro do xulgado, levábanme os demos por poder falar e explicarlle eu á xuíza certas cousas… Así e todo, quedei contenta, a xuíza preguntoulle moito á testemuña, o que me pareceu un bo sinal. E David contestou sempre moi ben, ante ás veces case ataques do outro interrogador. Tiven moi boa impresión até que falou o fiscal, de quen non me esperaba que fose tan en contra nosa. A vista rematou e non quedaba máis que esperar…

Os días pasaban e eu non contaba xa cunha resposta antes de setembro, mais o 21 de xullo ás 15:18, soa o teléfono… era a avogada para comunicarme que tiñamos sentenza e gañaramos TODO, a nulidade, a readmisión, a relación laboral de fixa discontinua e a indemnización: TODO. A ledicia foi enorme, faltoume tempo para contárllelo aos compañeiros e familiares e publicalo na rede. Foi e é unha enorme satisfacción saber que a Xustiza recoñece o que é lexítimo, que nos dá a razón que xa tiñamos moralmente. É unha grande vitoria, inda que haberá recurso e quedan moitos xuízos por se celebrar, agora xa imos 3-0, e sabemos que os compañeiros e compañeiras, terán ese apoio, ese chisco máis de seguranza ao verse na situación na que de seguro tamén terán certos nervios e dúbidas. Mais somos rabudos e rabudas e sabémoslles poñer cara, así que hoxe máis ca nunca:

FORZA COMPAÑEIR@S!!!

María Arca

Deixar un comentario